Thursday 16 de May de 2024

Ana Pontón visita ao alcalde de Ribeira


A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, visitou hoxe o Concello de Ribeira para reunirse co alcalde Luís Pérez. No encontro de traballo, Pontón coñeceu de primeira man os principais asuntos que ocupan ao Goberno municipal e ambos intercambiaron opinións sobre cuestións que afectan directamente ao municipio; como a situación da sanidade e o transporte públicos; e o benestar social.

No tocante á sanidade pública, Pontón comprometeuse a levar ao Parlamento a falta de persoal tanto no centro de saúde de Ribeira como no centro de saúde de Corrubedo. “A falta persoal sanitario supón peor atención aos veciños e veciñas” afirmou. Ambos reivindicaron a necesidade de dotar de máis recursos e persoal a tódolos centros sanitarios para garantir unha atención de calidade.

Luís Pérez destacou tamén a residencia pública de maiores “de cuxa tramitación non sabemos nada a día de hoxe a pesar da nosa petición á Consellería para manter unha reunión que permita avanzar o proxecto”. Neste sentido, Pontón destacou que instará ao Goberno galego a que aclare en que momento está a elaboración do proxecto de construción e licitación.

Doutra banda, falaron da escola infantil para Aguiño, anunciada pola Consellería de Política Social en maio de 2023, e do proxecto do Parque Empresarial do Barbanza, declarado de incidencia supramunicipal polo Goberno galego. “É preciso dar resposta canto antes ás necesidades de solo industrial na comarca do Barbanza para xerar emprego e dinamismo económico” destacou Luís Pérez.

En relación á situación do transporte, Luís Pérez destacou que “é inaceptable que haxa alumnado que chega tarde ás clases ou ás súas casas porque non hai prazas suficientes no servizo de bus escolar”. Pola súa parte, Ana Pontón reafirmou que trasladará á Xunta os problemas co transporte regular e escolar, xa que “ten que solucionar esta cuestión de inmediato”.

O rexedor agradeceu a Ana Pontón a súa visita e o seu respaldo, e entregoulle a modo de agasallo varios libros sobre historia e cultura local de Ribeira.